Contra o "boicot" do BNG, os traballadores de Elnosa aseguran que seguirán defendendo os seus postos de traballo "con uñas e dentes". Así, unhas trescentas persoas participaron na manifestación convocada polo comité de empresa que, na noite deste venres, volveu saír á rúa para esixir a continuidade da factoría electroquímica en Lourizán.
A marcha, que partiu pouco despois das oito da tarde da praza da Ferrería, discorreu pola rúa Michelena e a praza de España baixo o lema "Postos de traballo dignos na nosa terra" e reivindicando que os postos de traballo na comarca de Pontevedra "temos que defendelos entre todos".
Xunto cos traballadores de Elnosa e as súas familias, a manifestación contou co respaldo do comité de empresa de Ence, dirixentes de Comisións Obreiras e os concelleiros do Partido Popular e Cidadáns na corporación municipal.
O presidente do comité de Elnosa, Avelino García, explicou que con esta mobilización os traballadores quixeron trasladar o seu conflito á cidadanía porque "hoxe somos nós os que temos un problema", pero engadiu que debido á actual conxuntura económica nesta situación "pode chegar a estar calquera empresa".
No seu caso concreto, xusto dentro dun mes -o 11 de decembro-, termina a moratoria concedida pola Unión Europea para que as empresas de fabricación de cloro deixen de usar mercurio nos seus procesos industriais.
É o caso da planta de Lourizán, que, tras 51 anos operando na ría de Pontevedra, verase abocada a paralizar parte da súa produción por empregar este elemento. Elnosa produce sobre todo cloro, pero tamén acedo clorhídrico, hidróxeno, hipoclorito de sodio e sosa cáustica.
Os traballadores, recoñece Avelino García, está "á expectativa" do que poida suceder porque "temos unha data de caducidade" e a día de hoxe "non sabemos como vai quedar o persoal". Nunhas semanas, avanza, o comité reunirase coa dirección do grupo CUF, propietario de Elnosa, "e a ver que pasa".
Á vez que planea centrar a súa produción na elaboración de hipoclorito de sodio para non suspender a súa actividade e tramita os permisos para implantar a tecnoloxía de membrana que esixe a UE para fabricar cloro, a empresa confía en que Costas lles conceda unha prórroga para seguir ocupando terreos marítimo-terrestres en Lourizán.
"Isto é algo que nos preocupa porque non se dá resolto", sinalou Avelino García, que esixiu "que se resolva dunha vez, porque iso é o que está a frear á empresa para tomar decisións". Pero o persoal tamén mira cara á Xunta, xa que a autorización ambiental integrada de Elnosa debe renovarse antes de que termine este mes.
A partir de aí, para salvar as trabas que poida poñer o Concello de Pontevedra, os traballadores esperan que o goberno galego aprobe un plan sectorial de incidencia supramunicipal que, segundo indicaron, eximiría da preceptiva licenza ás obras para realizar os cambios tecnolóxicos que esixen as autoridades europeas.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.