Os traballadores de Elnosa defenderán a súa continuidade "póñase quen se nos poña por diante"

Pontevedra
13 de maio 2017

Nin a choiva, que caeu con forza durante o inicio da súa marcha, puido coa vontade dos traballadores de Elnosa de retomar as mobilizacións na rúa para defender a continuidade da empresa en Lourizán e, por tanto, o mantemento dos seus postos de traballo. Seguirano facendo, advirten, "póñase quen se nos poña por diante"

Marcha dos traballadores de Elnosa, que incluiu un "escrache" na casa do alcalde
Marcha dos traballadores de Elnosa, que incluiu un "escrache" na casa do alcalde / Alba Sotelo

Nin a choiva, que caeu con forza durante o inicio da súa marcha, puido coa vontade dos traballadores de Elnosa de retomar as mobilizacións na rúa para defender a continuidade da empresa en Lourizán e, por tanto, o mantemento dos seus postos de traballo. Seguirano facendo, advirten, "póñase quen se nos poña por diante".

Así o asegurou o presidente do comité de empresa de Elnosa, Avelino García. Foi ás portas do Concello, onde se concentraron unhas 150 persoas para denunciar que a administración municipal "ponnos unha cantidade de trabas que noutros concellos non se están poñendo" a este tipo de industrias.

Os traballadores, en todo caso, aseguran que "nos dá igual o signo político" que teña cada administración, porque "vamos a seguir pelexando" pola súa permanencia "lle pese a quen lle pese e acúsenos do que nos acusen", algo que, entenden, "témolo moi claro".

O presidente do comité afirmou que "imos ir contra de quen creamos nós que nos prexudica", incluso a propia empresa, coa que se reunirán o vindeiro luns en Portugal e á quen esixen que presente "dunha vez" a documentación que teñen que presentar para obter a prórroga de Costas e a autorización ambiental integrada.

"Ás veces hai que dicir as cousas e tamén hai que cumprilas", lembrou Avelino García.

Ademais, o persoal de Elnosa ve á Xunta de Galicia "un pouco paralizada" e lamentan que, mentres que en Torrelavega (Cantabria) aprobouse unha moratoria de dous anos para eliminar o mercurio no proceso de produción de cloro, en Pontevedra "somos a ovella negra" e consideran que "sempre temos un trato diferente a outros sitios".

A mobilización, que partiu das instalacións de Elnosa en Lourizán e que incluíu unha parada de "cinco minutos" ante a delegación da Xunta, concluíu cun escrache "pacífico" nas inmediacións da casa particular do alcalde, en Marcón.

El tamén, segundo Avelino García, "nos ataca día tras día" e todos os anos "veñen a manifestarse diante da empresa", polo que explicou que os traballadores tamén teñen dereito a ir "respectando algo de intimidade" ata a súa casa para defender a continuidade da cloreira na súa actual localización na ría de Pontevedra.

"Somos traballadores exemplares. Non entraremos en provocacións. El si que vai a bater en ferro duro. Elnosa non se pecha", dixo o presidente do comité de empresa aos participantes neste escrache, antes de que se disolvese a concentración e os traballadores regresasen ás súas casas.

Arquivado en