Os traballos de mellora no núcleo rural de Guldrigáns, pendentes da climatoloxía

Umia
11 de novembro 2023

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, sinalou que os traballos de mellora de camiños e abastecemento no núcleo rural de Guldrigáns atópanse nun avanzado estado de execución e acometerase o final en canto a climatoloxía o permita

Traballos de mellora de camiños e abastecemento no núcleo rural de Guldrigáns
Traballos de mellora de camiños e abastecemento no núcleo rural de Guldrigáns / Concello de Cuntis

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, sinalou que os traballos de mellora de camiños e abastecemento no núcleo rural de Guldrigáns atópanse nun avanzado estado de execución e acometerase o final en canto a climatoloxía  o permíta.

O alcalde visitou as obras e entrevistouse con varios veciños afectados pola paralización temporal dos traballos.

Manuel Campos indicou que "o Concello de Cuntis segue coa súa aposta polo rural" e neste caso a intervención tiña por finalidade a mellora do firme dunha serie de camiños do lugar de Guldrigáns que se atopaban en moi mal estado. A actuación afectou a uns 600 metros de viais cunha superficie de 2.735 metros cadrados.

Ademais, procedeuse á colocación da rede de abastecemento da traída municipal de augas. A obra foi executada integramente polo persoal municipal e con material do parque de maquinaria. Isto supuxo a instalación da traída de augas a 48 vivendas 2.481 metros de canalización.

Na pavimentación investíronse 37.269 euros procedentes do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra mentres que o custo das melloras no abastecemento superou os 30.000 euros que asumiu o Concello de Cuntis.

Guldrigáns foi o primeiro núcleo rural do municipio de Cuntis en ter gas canalizado e conta con rede de saneamento e conexión de fibra óptica.