Os traballos para a reposición do firme chegan a María Victoria Moreno e Fernando II

Pontevedra
27 de maio 2020

A partir de mañá xoves, haberá cortes de tráfico e desvíos provisionais no ámbito de María Victoria Moreno e Fernando II. O motivo, as obras de reposición do firme que ordenou facer o Concello de Pontevedra

María Victoria Moreno e o parque de Campolongo
María Victoria Moreno e o parque de Campolongo / Mónica Patxot

A partir de mañá xoves, haberá cortes de tráfico e desvíos provisionais no ámbito de María Victoria Moreno e Fernando II. O motivo, as obras de reposición do firme que ordenou facer o Concello de Pontevedra.

Estes traballos, que se enmarcan no contrato de mantemento de espazos públicos urbanos, teñen por obxectivo rehabilitar a capa de rodadura en tramos nos que se aprecia deterioro.

Así, a actuación na glorieta de María Victoria Moreno terá lugar na xornada de mañá, xoves 28 de maio, e en Fernando II -no tramo entre Pintor R. Alonso e Fernando III O Santo- realizarase mañá e pasado, o que implicará cortes e desvíos de tráfico.

Na xornada do xoves, o tráfico na avenida María Victoria Moreno permitirase só no sentido que vai desde a avenida de Marín cara a avenida de Vigo.

O tráfico en sentido contrario -en dirección avenida de Marín- será desviado cara a rúa Alcalde Hevia continuando pola rúa Iglesias Vilarelle e Xeneral Rubín, agás os autobuses que poderán continuar circulando pola avenida María Victoria Moreno.

Os garaxes do tramo da avenida Maria Victoria Moreno entre as rúas Alcalde Hevia e Taboada Nieto sairán cara a avenida de Vigo e accederán procedentes da avenida de Marín.

En canto á actuación na rúa Fernando II, prevista para xoves e venres, o tráfico no treito entre Pintor R. Alonso e Fernando III O Santo permanecerá pechado agás para entrada e saída de garaxes.