A investigación oficial sobre o naufraxio do Villa de Pitanxo, en barco que afundiu o pasado 15 de febreiro en Terranova (Canadá), deu un paso fundamental nos últimos días. Xa prestaron declaración os tres sobreviventes desta catástrofe marítima.
O patrón do barco, Juan Padín, o seu sobriño Eduardo Rial e o mariñeiro ganés Samuel Kwesi xa foron interrogados polos membros da Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM), organismo público á fronte desta investigación.
Os tres foron cuestionados acerca do sucedido o día do naufraxio, segundo confirmou este xoves o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.
A preguntas dos xornalistas, durante unha visita institucional a Lugo, Miñones afirmou que "xa se lle tomou declaración aos tres sobreviventes" e que agora o obxectivo "é seguir profundando" na investigación oficial para aclarar as causas do naufraxio.
Dentro deste traballo, a comisión estudará tamén a información que trasladaron ás autoridades os propios familiares dos mariñeiros.
Esa información, aclarou Miñones, foi transmitida a través do director xeral de Mariña Mercante á comisión de investigación, que se encargará de analizala.
Nese sentido, precisou que, previsiblemente, "daráselle continuidade" á propia investigación coa "toma de declaración" aos familiares da tripulación nos próximos días.
Miñones dixo que será "un traballo lento", pero realizarase en contacto coas familias, coas que "xa se mantiveron varias reunións", a última este luns.