Os usuarios do PAC de Baltar quéixanse pola avaría do aparato de raios X

Sanxenxo
08 de xuño 2017

A Federación de ANPAS O Con e a Asociación Plataforma Veciñal Sanxenxo, tiveron constancia desta nova problemática no centro de saúde de Baltar e interpuxeron a correspondente queixa nos formularios habilitados polo Sergas

Aparato de raios X
Aparato de raios X / Saludand

Unha avaría na unidade de de Raios X do Punto de Atención Continuada (PAC) de Baltar está a provocar unha serie de contratempos dos que se queixan os usuarios.

A Federación de ANPAS O Con e a Asociación Plataforma Veciñal Sanxenxo, tiveron constancia desta nova problemática no centro de saúde de Baltar e interpuxeron a correspondente queixa nos formularios habilitados polo Sergas.

No propio centro lles informaron que o faio é debido "á obsolescencia da maquinaria e non cubrirse o seu mantemento". 

AMBULANCIA

Por outra banda, tras comprobar que a ubicación que se lle estaba dando estes últimos anos ao equipo do 061 e que a ambulancia medicalizada está sendo usada con outra finalidade, estes colectivos preguntan onde pensa a Consellería ubicala este verán, "ou se sería necesario unha reorganización das instalacións do propio centro, amplialo ou ben botar man dalgunha instalación adicional".

Esta nova información será adxuntada ao expediente aberto ante a valedora do pobo, a cal está pendente de recibir a nova documentación que solicitou á Xunta de Galicia.

Estes colectivos levan recollidas arredor de 6.000 sinaturas e están pendentes da contestación do novo goberno local sobre o seu "grado de implicación" na resolución destas deficiencias de medios e recursos do noso PAC para convocar unha asamblea aberta.