A Policía Local de Pontevedra traballa para identificar a un grupo de mozos que cometeu un acto vandálico contra o conxunto escultórico da Fonte dos Nenos, na Glorieta de Compostela. Arrincaron da súa ancoraxe unha das tres figuras, a nena co aro.
O incidente produciuse na madrugada do pasado venres, entre as cinco e as seis da madrugada, segundo informou este luns o portavoz do corpo municipal.
A investigación para localizar aos autores está "moi avanzada", segundo este portavoz, xa que o atentado contra a escultura foi gravado por unhas cámaras de seguridade e, ademais, hai varias testemuñas desta agresión contra o patrimonio.
Un dos integrantes desta cuadrilla é o que mantivo unha participación "máis activa", ao balancear a estatua de maneira repetida e violenta para sacala da súa ancoraxe, mentres que os seus amigos, segundo a Policía Local, "non fixeron nada para detelo".
Todos eles poderíanse enfrontar a un delito contra o patrimonio público e a súa actuación será trasladada ao xulgado para que inicie un procedemento contra eles.
Serán "facilmente identificables", reitera o portavoz da Policía Local, que anima a que os autores se presenten voluntariamente ante as autoridades porque sería unha atenuante no caso dunha condena polo sucedido.
A estatua foi retirada polos servizos técnicos municipais que, nestes momentos, están a avaliar os danos que provocou este acto vandálico. Nunha primeira exploración, a estatua sofre danos nunha das pernas da nena.
Non son, en todo caso, danos moi importantes, polo que o Concello confía en que poida ser restaurada e colocada de novo na fonte nun curto espazo de tempo.