Os vándalos causan danos nos parques infantís de Soutullo e Panadeira

Sanxenxo
07 de outubro 2021

O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, interpuxo unha denuncia ante a Garda Civil para que investigue os feitos

Destrozos no parque infantil de Soutullo
Destrozos no parque infantil de Soutullo / Concello de Sanxenxo

O parque infantil de Soutullo, na parroquia de Noalla, quedou completamente desvalixado. Os respaldos de oito bancos de madeira, os asentos de randeeiras con cadeas incluídas, redes e parte do valado desapareceron do espazo infantil con apenas un ano de antigüidade.

O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, acudiu ao parque este xoves con persoal de Parques e Xardíns para valorar os danos cuxo valor poderían ascender a 3.000 euros. A reparación dalgúns elementos poderase realizar con operarios municipais. 

O concelleiro interpuxo unha denuncia na Garda Civil para que investigue os feitos e poida dar cos autores do roubo dos elementos de espazo lúdico infantil. Ademais, tamén fará constar a desfeita de tres luminarias de chan do Parque Panadeira durante a pasada fin de semana. 

A ordenanza de convivencia cidadá tipifica este tipo de comportamentos como moi graves o que podería conlevar unha sanción de entre 400 e 600 euros, ademais da obrigatoriedade de asumir a reparación ou substitución do elemento danado

O goberno local estuda a posibilidade de prohibir a estancia nocturna nos parques infantís 

O goberno local estuda a posibilidade de prohibir a estancia nocturna nos parques infantís para evitar algúns actos vandálicos que se están cometendo durante as noites. E é que en ambos os espazos detectáronse restos de botellón con botellas, vasos e bolsas de plástico polo chan.

Desde o goberno apélase ao civismo e ao coidado dos espazos públicos xa que estes danos e roubos repercuten nas arcas públicas de todos os veciños do municipio.