Os vaos permanentes de Pontevedra, a revisión

Pontevedra
07 de febreiro 2018

Revisar os, aproximadamente, 1.500 vaos permanentes que hai en Pontevedra e comprobar se cumpren con todos os requisitos legais. É o traballo que, de oficio, realizarán os técnicos municipais. Todo este proceso, pensado para actualizar o censo e corrixir deficiencias, desenvolverase en todo o municipio ao longo deste ano 2018

Vados permanentes en garaxes
Vados permanentes en garaxes / Mónica Patxot

Revisar os, aproximadamente, 1.500 vaos permanentes que hai en Pontevedra e comprobar se cumpren con todos os requisitos legais. É o traballo que, de oficio, realizarán os técnicos municipais. Todo este proceso, pensado para actualizar o censo e corrixir deficiencias, desenvolverase en todo o municipio ao longo deste ano 2018.

A responsable de disciplina urbanística, Carme da Silva, explicou que os vaos existentes en Pontevedra están en "diferentes" situacións administrativas. Así, co paso dos anos hai vaos que están autorizados, por outros se paga a taxa municipal pero non teñen a correspondente licenza e, os menos, non teñen nin permiso nin pagan por eles.

Os técnicos do Concello, acompañados por axentes da Policía Local, comprobarán "in situ" cada un dos vaos que hai tanto na cidade como no rural.

Os cidadáns, aclarou Da Silva, "non terán que vir ao Concello para nada" xa que o goberno municipal notificará aos interesados dos trámites para seguir. A revisión farase por zonas -tanto en vivendas colectivas como unifamiliares- e, a medida que se vaian analizando, iranse poñendo en contacto cos titulares dos vaos.

A aqueles vaos que teñan autorización renovaráselles o permiso, os que estean a pagar pero non teñan permiso poderán iniciar os trámites para regularizar a súa situación e, por último, os que sexan irregulares, é dicir non estean a pagar nin teñan autorización, daráselles tamén a posibilidade de solucionar as súas deficiencias administrativas.

En caso contrario, estes últimos perderán a posibilidade de situar un vao permanente nos seus respectivos garaxes ou entradas ás vivendas. Ademais, arríscanse a ser sancionados se continúan facendo uso do mesmo sen permiso.

O Concello unificará tamén a imaxe de todos os vaos, proporcionando de forma gratuíta unha placa identificativa que estará homologada. O goberno municipal investirá 16.800 euros na adquisición destas placas que, ademais, levarán o número de licenza correspondente. 

Segundo recolle a ordenanza fiscal de entrada de vehículos a través das beirarrúas, a taxa a pagar por cada vao é de 24,63 euros. Ademais, no caso de garaxes comunitarios se engade 3,70 euros por cada praza de aparcamento.

Carme da Silva avanzou que o goberno municipal actuará de forma "rigorosa" nesta materia e fixo un chamamento á "boa convivencia" de todos. Tanto dos que colocan un vao sen ter permiso como daqueles que aparcan diante dun garaxe ou unha entrada que non ten vao permanente. Ningunha das dúas condutas, engade, son de "boa veciñanza".