Os veciños da Pontesa xa poden respirar tranquilos despois da retirada total do cereal acumulado na fábrica

Pontevedra
12 de setembro 2023

O gran, afectado polo incendio que arrasou parte do edificio o pasado mes de novembro de 2022, estaba a provocar problemas de insalubridade a 200 familias de Arcade e tamén da parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio e afectaba a decenas de negocios de restauración e hostalaría

Pancartas de protesta fronte á fábrica de Pontesa
Pancartas de protesta fronte á fábrica de Pontesa / Mónica Patxot

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, celebrou este martes a confirmación oficial de que xa se retirou todo o cereal almacenado na fábrica da Pontesa.

O gran, afectado polo incendio que arrasou parte do edificio o pasado mes de novembro de 2022, estaba a provocar problemas de insalubridade a 200 familias de Arcade e tamén da parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio e afectaba a decenas de negocios de restauración e hostalaría do concello que agora xa poden respirar tranquilos. 

O alcalde Manu Lourenzo sinalou que desde o primeiro momento o obxectivo prioritario para o goberno de Soutomaior era "solucionar canto antes os problemas derivados do incendio na Pontesa, porque a veciñanza levaba case un ano a aguantar malos cheiros e pragas de insectos e ratas". 

O rexedor de Soutomaior asegurou que "sempre tivemos claro que a solución pasaba pola retirada do gran almacenado na nave, e así o fixemos saber en todas as xuntanzas de traballo que mantivemos coas administracións implicadas".

Neste sentido, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, reivindicou o traballo levado a cabo polo goberno de Soutomaior desde o primeiro momento para que estes traballos de retirada de gran se levasen a cabo canto antes. Tras as reunións mantidas en xullo polo alcalde Manu Lourenzo coa Delegación Territorial da Xunta en Vigo e coa Dirección Xeral de Costas, "o prazo da retirada do gran pasou dun horizonte temporal de anos a só uns meses". 

Por outra parte, o rexedor asegurou que o goberno local seguirá a traballar para que a situación se solucione por completo e todo volva á normalidade "para evitar novos problemas de insalubridade e de pragas de insectos e ratas". 

"O goberno de Soutomaior comprométese a que non parará ata que as 200 familias de Arcade afectadas e os negocios de hostalaría e restauración da zona recuperen a total normalidade no seu día a día", asegurou o alcalde.