Os veciños de Marín coñecen in situ as interioridades e a actualidade de ENCE

Pontevedra
18 de maio 2013

Representantes de seis asociacións de veciños visitaron as instalacións de Lourizán e mantiveron unha reunión co director de Ence en Pontevedra, Antonio Casal. Segundo informa a empresa, interesáronse pola situación da factoría tras a aprobación da nova lei de Costas e o seu impacto económico na comarca

Representantes de seis asociacións de veciños de Marín visitaron nos últimos días as instalacións industriais de Ence en Lourizán e mantiveron un encontro co director de Ence en Pontevedra, Antonio Casal, para coñecer máis de preto a factoría e o traballo que realiza.

No transcurso do encontro, Casal explicoulles os plans de mellora ambiental da factoría: o Plan de Eliminación de Olores; os avances no proxecto de redución de emisións de vapor, dos que lles asegurou que en boa medida xa son visibles; e o desenvolvemento do Concurso Arquitectónico.

Segundo informou o Grupo Ence nun comunicado, os asistentes ao encontro tamén se interesaron pola situación da factoría logo da aprobación da nova Lei de Costas e o seu impacto económico na comarca.

No encontro participaron directivos das asociacións Xuntanza Río Loira, Ardán, Viñas Brancas, San Xosé de Cantodarea, a Asociación Camiño Vello de Maiores, Xubilados e Pensionistas de Marín e comarca e Francisco Pérez Crespo de Mogor, todas elas integradas na Federación de Asociacións de Veciños Ría de Marín.