Os veciños piden unha zona verde na Caeira con parque e hortos ecolóxicos

Poio
08 de novembro 2018

A Plataforma de San Salvador preguntou ao Concello de Poio pola situación urbanística dunha parcela de máis de 4.000 metros cadrados na rúa Río Sil da Caeira para a que propoñen "usos alternativos"

Parcela na Caeira na que propoñen un horto ecolóxico
Parcela na Caeira na que propoñen un horto ecolóxico / Plataforma de vecinos San Salvador

A Plataforma de San Salvador preguntou ao Concello de Poio pola situación urbanística dunha parcela de máis de 4.000 metros cadrados na rúa Río Sil da Caeira para a que propoñen "usos alternativos".

"Cremos que é un lugar desaproveitado e por iso pedímoslle ao Concello de Poio que defina esta lugar como zona verde, que a equipe cun parque biosaludable, cun parque infantil e con hortos sociais-ecolóxicos", destaca o portavoz desta plataforma veciñal, Sergio Pereira.

Este colectivo destaca os múltiples beneficios sociais que xeran estes hortos e sinala que se trata dunha práctica que se está levando a cabo nun gran número de concellos en España.

Na Plataforma de San Salvador están "seguros" de que se por un motivo urbanístico non se puidese realizar nesta parcela que indican, nesta parroquia existen máis terreos municipais sen uso nos que poder levar a cabo esta actividade.