Oshima e a provincia de Pontevedra estreitan lazos arredor da camelia

Pontevedra
12 de marzo 2025

Unha delegación pontevedresa participa no Camelliae International Congress en Tokyo para explorar novas oportunidades de colaboración e intercambio de coñecementos

Exhibición de bebidas derivadas da camelia en Oshima
Exhibición de bebidas derivadas da camelia en Oshima / Deputación de Pontevedra

A provincia de Pontevedra e a cidade xaponesa de Oshima reforzaron os seus vínculos a través da camelia, a flor por excelencia das Rías Baixas, no marco do Camelliae International Congress que se está a celebrar estes días en Tokyo.

A delegación galega, encabezada polo presidente da Deputación, Luis López, e integrada polo deputado Javier Tourís e a doutora Pilar Vela, responsable da sección de fruticultura e ornamentais da Finca Areeiro, visitou importantes espazos dedicados a esta emblemática flor.

Durante a xornada, os representantes galegos percorreron dous xardíns de excelencia internacional: o Wild Camelia Forest Park e o Tsubaki Hana Garden, espazos que destacan pola súa biodiversidade e relevancia na conservación desta especie.

A comitiva tamén tivo a oportunidade de coñecer o Oshima High School, un centro educativo especializado no estudo e experimentación coa camelia, onde os estudantes amosaron os resultados dos seus proxectos de investigación.

O encontro institucional co alcalde de Oshima, Sakaue Choichi, e o presidente da International Camelia Society, Gianmario Motta, serviu para intercambiar experiencias e coñecementos sobre esta árbore que une ás Rías Baixas co país do sol nacente.

Delegación da Deputación en Xapón
Delegación da Deputación en XapónDeputación de Pontevedra

Un dos fitos destacados da visita foi a presentación da camelia de Soutomaior aos premios da International Camelliae Society. Este exemplar, composto por 18 troncos que medran desde a base, é a camelia de maior circunferencia de Galicia e forma parte do conxunto botánico do Castelo de Soutomaior, que alberga máis de 400 especies, 18 delas entre as máis antigas de Galicia.

O valor botánico e cultural deste espazo xa lle valeu ser recoñecido como o primeiro xardín de España de Excelencia Internacional da Camelia e o primeiro en obter o certificado de Xardín Histórico Observer.

A Deputación de Pontevedra tamén presentará durante o congreso as investigacións que lidera desde a Finca Areeiro para combater o fungo Ciborinia camelliae, que está a afectar ás flores desta especie en todo o mundo, causando importantes perdas tanto a nivel ornamental como económico. Así mesmo, expoñerá os avances na variación da composición do té verde producido na finca provincial.