Otea e Mora, as aguias de Harris encargadas de evitar a entrada de pombas no Mercado

Pontevedra
29 de novembro 2021

Responsables da empresa Larus Control, contratados polo departamento de Promoción Económica, trasladaban este luns estas aves para que provoquen a desparaición de exemplares de pombas que visitaban habitualmente as instalacións do Mercado para acadar alimento

Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica, coas dúas aguias, Mora e Otea
Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica, coas dúas aguias, Mora e Otea / Mónica Patxot

Cando apenas quedan clientes no mercado, case todos os días varios exemplares de pombas acceden ás instalacións para tentar aproveitar os restos de comida que aínda se atopen nas proximidades dos postos de venda. Ante o problema de salubridade que provoca esta presenza de aves no recinto, a concellería de Promoción Económica, que dirixe Yoya Blanco, decidiu tomar cartas no asunto e este luns responsables da empresa  Larus Control achegábanse pola praza de abastos.

Con eles viaxaban dúas aguias de Harris (Parabuteo unicinctus), aves de presa de gran envergadura, cazadoras diúrnas, que adoitan actuar de maneira conxunta, utilizando a cola para comunicarse entre elas. Habitualmente son empregadas nos aeroportos para espantar a diversos paxaros, habitualmente pombas, que dificultan os voos dos avións. 

Juan Fraga, representante da empresa, indica que neste operativo búscase que Otea e Mora, que así se denominan, se encarguen de crear sensación de "medo real" ás pombas co obxectivo de que non regresen ao mercado de abastos. As aguias realizan voos controlados de carácter preventivo e ante a presenza destes animais depredadores, o habitual é que as molestas columbiformes abandonen definitivamente a contorna, neste caso, a rúa Serra. 

Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica, indicaba que se escolleu a xornada do luns para este operativo ao tratarse do día de menor actividade de vendas no mercado durante toda a semana.