Oubiña valora como un éxito o desenvolvemento das actividades de PonteVerán

Pontevedra
02 de setembro 2021

Nesta última edición, un total de 288 crianzas foron inscritas para participar nas 22 actividades que estaban programadas. En máis da metade dos obradoiros, a asistencia foi do cen por cen

Albeto Oubiña, concelleiro de Xuventude
Albeto Oubiña, concelleiro de Xuventude / Mónica Patxot

O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, valora coma un éxito o desenvolvemento das actividades de PonteVerán.

Pintar un mural, ver morcegos, observar as estrelas, fabricar un robot, foron algunhas das actividades deste programa do Concello de Pontevedra que configura unha oferta cultural e de ocio educativo para a mocidade favorecendo o seu desenvolvemento persoal con valores positivos de inclusión, respecto, creatividade, hixiene, esforzo e igualdade.

Nesta última edición, un total de 288 crianzas foron inscritas para participar nas 22 actividades que estaban programadas. En máis da metade dos obradoiros, a asistencia foi do cen por cen.

"Consideramos moi importante a realización de actividades de ocio para a mocidade nas que ademais de entreter, tamén aprenden novos coñecementos e habilidades", sinala o edil nacionalista.

"O remate do PonteVerán non significa o remate de actividades deste estilo na cidade, senón que xa comezamos coa programación e preparación de ciclos como Pisando Forte, a Escola Feminista para a Mocidade e imos sementando o terreo para Noites Abertas", engadiu Alberto Oubiña. 

Según puido constatar o concelleiro de Xuventude nos informes feitos polos técnicos "o éxito non só se traduciu en asistencia, senón que os participantes valoraron moi positivamente todas as actividades e todas as experiencias".

O edil engadiu que "outro elemento a destacarmos, sería a participación tan diversa e equitativa coa que contamos, con case un cincuenta por cento de nenos, e un cincuenta por cento de nenas".