Pablo Casado arroupa a Mariano Rajoy no funeral do seu pai na Basílica de Santa María

Pontevedra
02 de novembro 2018

O presidente do Partido Popular, o presidente da Xunta e numerosos dirixentes do seu partido asistiron ao funeral que se desenvolveu na Basílica de Santa María en memoria do maxistrado xubilado da Audiencia, Mariano Rajoy Sobredo

Funeral de Mariano Rajoy Sobredo
Funeral de Mariano Rajoy Sobredo / PontevedraViva

O funeral do maxistrado xubilado da Audiencia de Pontevedra Mariano Rajoy Sobredo, pai do ex presidente do Goberno, Mariano Rajoy Brey, realizábase na tarde deste venres na Basílica de Santa María e supuxo un sentido adeus por parte de decenas de cidadáns que se achegaron ata o templo, onde se deron cita os principais responsables do Partido Popular.

Media hora antes do inicio da cerimonia facía aparición a que fora vicepresidenta do Goberno de Rajoy Brey, Soraya Sáenz de SantamaríaTras ela foron achegándose ata a basílica diferentes autoridades e representantes do Partido Popular entre os que se atopaba o conselleiro de Industria Francisco Conde; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o deputado no Congreso, Tomás Fole; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; os deputados parlamentarios Teresa Egerique e Jacobo Moreira; a alcaldesa de Marín, María Ramallo; o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; o alcalde de Campo Lameiro, Julio Sayáns; ou o presidente da Autoridade Portuaria de Marín, José Benito Suárez Costa.

Tamén asistiu ao acto o deputado socialista no Congreso Guillermo Meijón. 

Ao redor das 18.20 horas chegaba Mariano Rajoy Brey acompañado por Fernando Martínez-Maillo, que foi coordinador xeneral do partido. O ex presidente do Goberno fundíase nun intenso abrazo ás portas da basílica cun compañeiro de promoción e amigo persoal, para a continuación entrar na igrexa.

Poucos minutos despois chegaba unha comitiva pola avenida de Santa María encabezada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e polo presidente do Partido Popular, Pablo Casado, acompañados por Adolfo Suárez Illana; o portavoz local do PP Rafael Domínguez e o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

Pablo Casado indicou ante os medios de comunicación que se desprazou ata Pontevedra para "arroupar a unha persoa que foi imprescindible para o partido e para o país" en referencia ao seu antecesor no cargo de presidente dos populares.

Durante a cerimonia relixiosa, Mariano Rajoy Brey agradeceu as mostras de apoio e a presenza de familiares e amigos ao funeral de Mariano Rajoy Sobredo, ex presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra, que falecía en Madrid este xoves aos 97 anos de idade.