A presidenta da Deputación, Carmela Silva, confirmou que a institución que dirixe seguirá apoiando á Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE) tras manter un encontro co actual presidente Pablo Fernández, que visitou a institución provincial acompañado pola anterior dirixente, Lucía Pedroso.
Carmela Silva sinalou que a Deputación sempre permanecerá aberta e receptiva ás demandas deste sector de emprendedores, tal e como xa vén realizando co plan de práctica laboral e co apoio ao premio Novo Empresario.
A presidenta provincial destacou o labor emprendido por Lucía Pedroso durante o seu mandato e recalcou a importancia de que as mulleres ocupen cargos de relevancia e "ela foi unha gran presidenta".
Pablo Fernández agradeceu o apoio por parte da Deputación durante estes últimos anos e sinalou que lle trasladará os proxectos que á fronte de AJE ten previsto emprender nos próximos meses para contar co respaldo do organismo provincial.