Un paciente alterado agride unha médica, un vixiante e un policía

O Salnés
26 de febreiro 2026
Actualizado: 10:27

A Xerencia da área sanitaria condenou os feitos ocorridos en Urxencias do Hospital do Salnés e anunciou medidas legais. O persoal sanitario ten a consideración de autoridade

Hospital do Salnés
Hospital do Salnés / Cristina Saiz

Un paciente con aparentes síntomas de intoxicación e nun estado de grande alteración protagonizou este mércores ao mediodía un episodio violento no Servizo de Urxencias do Hospital Comarcal do Salnés, onde chegou para recibir asistencia médica.

Durante a atención sanitaria, o individuo agrediu unha médica e un vixiante de seguridade do centro.

Tras producirse os feitos, foron requiridos axentes da Policía Nacional, que se desprazaron ata as dependencias hospitalarias.

No operativo para reducir o paciente, un dos policías tamén resultou agredido no transcurso do forcexeo.

Finalmente, o home tivo que ser sedado e intubado para garantir a súa estabilización e a seguridade das persoas presentes.

A Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés condenou publicamente o sucedido e anunciou que xa foi cursada a correspondente denuncia, así como a adopción de todas as medidas legais pertinentes.

O xerente da área sanitaria, José Flores Arias, subliñou que "debemos coidar a quen nos coida, para que os nosos pacientes sexan os primeiros beneficiados".

Ademais, lembrou que o persoal sanitario ten a consideración de autoridade segundo a lexislación vixente, polo que calquera agresión, xa sexa verbal ou física, pode derivar en responsabilidades penais.

A dirección sanitaria insistiu en que garantir unha contorna laboral segura é unha prioridade absoluta e reiterou a súa defensa do normal funcionamento do Servizo Sanitario Público para toda a poboación de referencia dos distritos de Pontevedra e O Salnés.

Por outra banda, o xefe do servizo de Urxencias do Hospital do Salnés e presidente da Sociedade española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES), Manuel José ‘Tato’ Vázquez Lima condenou con rotundidade todas estas actitudes violentas.

"Condenamos enerxicamente calquera tipo de agresión verbal ou física nos nosos servizos. E lembramos que os profesionais sanitarios son autoridade e, por tanto, poden conlevar estes actos delituosos condenas moi serias", dixo o doutor Vázquez Lima.

"Chamamos por favor á calma e á orde e evitar todo tipo de actitudes hostís contra os profesionais que atenden aos nosos cidadáns e que contribúen a que a Sanidade funcione", engadiu.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora