Pacientes afectadas polo cancro de mama participan nun desfile de bañadores e lencería

Pontevedra
20 de maio 2015

O desfile será o 22 de maio no Sexto edificio do Museo de Pontevedra dentro das primeiras xornadas oncolóxicas de estética e nutrición que se desenvolven dende as 17.30 ata as 21.00 horas

Entrada do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra
Entrada do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra / PontevedraViva

As instalacións do Sexto edificio do Museo de Pontevedra acollen este venres 22 de maio un desfile de bañadores e lenzaría dentro das actividades previstas con motivo da celebración das primeiras xornadas oncolóxicas de estética e nutrición, organizadas por Acceda Ortopedia e Sendo.

O desfile contará coa participación de pacientes afectadas polo cancro de mama co obxectivo de que as mulleres afronten a enfermidade con valentía, ao tratarse dun tipo de cancro que pode ter como consecuencia a extirpación dun ou de ambos os dous peitos a través da mastectomía. A proposta busca unha reivindicación destas pacientes ante a sociedade e alertar da importancia desta enfermidade e da necesidade de adoptar medidas preventivas, ademais de hábitos de vida saudables.

As xornadas de estética e nutrición iniciaranse ás 17.30 e finalizará aproximadamente ás 21.00 horas. A entrada é libre e gratuíta.