Pacientes do Provincial deseñan bolígrafos con anxos no marco da campaña de Nadal "psiquiatría con corazón"

Pontevedra
03 de decembro 2017

O Hospital de Día Psiquiátrico do Hospital Provincial de Pontevedra volve celebrar o Nadal cun novo personaxe solidario

Campaña de Nadal "psiquiatría con corazón"
Campaña de Nadal "psiquiatría con corazón" / Sergas

O Hospital de Día Psiquiátrico do Hospital Provincial de Pontevedra volve celebrar o Nadal cun novo personaxe solidario. Nesta ocasión, os pacientes desta unidade veñen de deseñar centos de anxos con corazón unidos a un bolígrafo de cor verde, no marco da campaña de Nadal "Psiquiatría con corazón".

Inspirada na tradición instaurada no lugar de culto no lago de Trakay (Lituania), onde a denominada cume dos anxos se enche nestas datas de anxos de todas as cores e tamaños en representación do amor, a amizade, a curación e os desexos e sentimentos das boas persoas, profesionais e pacientes do Hospital de Día Psiquiátrico de Pontevedra lanzan unha nova campaña de Nadal.

Máis alá da satisfacción do traballo en equipo, pacientes e profesionais pretenden, man a man, dar visibilidade con esta actividade ao feito de que a recuperación dos doentes da área de Psiquiatría non só debe facerse a través dos coñecementos e a práctica dos facultativos e do persoal de enfermaría, senón que a dedicación e a entrega en cada caso tamén xogan un papel fundamental.