Pacientes e profesionais de Montecelo alertan do colapso en Urxencias

Pontevedra
09 de xaneiro 2020

Pacientes e traballadores alertan do colapso do servizo, pero desde o CHOP aseguran que todas as altas e ingresos hospitalarios realízanse sen incidencias

Acceso ao servizo de Urxencias do Hospital Montecelo
Acceso ao servizo de Urxencias do Hospital Montecelo / Mónica Patxot

A chegada do frío invernal sempre é sinónimo do repunte da gripe. A situación do servizo de Urxencias do Hospital Montecelo, con chegadas constantes de pacientes á sala de espera, así o demostra.

Profesionais sanitarios denunciaron, igual que os propios pacientes, do "colapso total" que se está rexistrando na atención hospitalaria con numerosas persoas esperando por cama nos corredores do servizo, incluso algún con patoloxías oncolóxicas, tumbados nas camillas.

A isto se suma, segundo aseguran, que mentras isto ocorre varias plantas do Hospital Provincial están sen uso actualmente.

Desde o Sergas admiten o "lixeiro incremento de actividade propio desta época do ano", pero negan o colapso do servizo e a falta de camas para ingresar a pacientes en planta que denuncian diversos usuarios e traballadores do servizo.

As esperas, sinalan fontes da xerencia do CHOP, "prodúcense por resultados de probas diagnósticas que requiren o seu tempo en función de cada patoloxía". Con todo, aseguran que a tramitación de altas durante a xornada e a admisión de ingresos hospitalarios efectúase sen incidencias reseñables, "pois hai dispoñibilidade de camas para hospitalizar aos casos que así o requiren".

Doutra banda, a responsables da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés lembran a conveniencia de realizar unha boa utilización dos servizos sanitarios así como a importancia da vacinación fronte á gripe, para a que se ampliou o prazo durante o mes de xaneiro.