Pactan retomar as clases no CEIP A Lama a partir do luns 19

A Lama
17 de setembro 2016

"As obras no CEIP de A Lama estarán listas para o inicio das clases, quedando os remaches das mesmas por facer, aínda que se levarán a cabo en horario non lectivo", confirmou o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, tras reunirse con responsables do ANPA e da dirección do centro

Obras no CEIP A Lama
Obras no CEIP A Lama / Xunta de Galicia

Os alumnos do CEIP A Lama poderán volver ás aulas o vindeiro luns 19 de setembro.

Así o pactaron a dirección do centro, a asociación de pais e nais e o delegado territorial da Xunta, César Pérez Ares, tras manter unha reunión na que se explicou a situación actual das obras no centro tras os problemas ocasionados pola choiva.

A actividade durante a fin de semana está a ser frenética para avanzar na renovación da cuberta e na súa adecuación despois dos danos sufridos o pasado luns.

"As obras no CEIP de A Lama estarán listas para o inicio das clases, quedando os remaches das mesmas por facer, aínda que se levarán a cabo en horario non lectivo", confirmou Pérez Ares.

Os alumnos poderán volver ás súas aulas habituais, sen ter que ser redistribuídos, coa "única diferenza será que o alumnado entrará pola zona pola que nos solicitaron os pais e nais, na parte posterior do centro mentres no sexa retirado o andamiaxe na parte principal da fachada".