Pagarán a todos os funcionarios municipais parte da extra que o Goberno lles retirou en 2012

Pontevedra
29 de xullo 2014

Cúmprese así o acordo que se alcanzou cos sindicatos o pasado 30 de maio. A cantidade que debe pagar o Concello supera os 100.000 euros e será aboada coa nómina deste mes, salvo nos casos do Instituto Municipal de Deportes e o Pazo da Cultura que cobrarán nos próximos meses

Xuntanza do concelleiro Vicente García Legísima cos representantes sindicais do Concello de Pontevedra
Xuntanza do concelleiro Vicente García Legísima cos representantes sindicais do Concello de Pontevedra

Numerosas sentenzas xudiciais ditaminaron que a retirada da paga extra de Nadal aos funcionarios públicos, ordenada polo Goberno en 2012, non debería ter tido efectos retroactivos. ÿ dicir, só se debía retirar a parte proporcional dende o día no que se entrou en vigor o devandito decreto, o 15 de xullo, e non todo o complemento dende o 1 de xuño como finalmente se executou.

O Concello de Pontevedra, ao igual que a Deputación provincial, non foi alleo a estas sentenzas. O pasado mes de marzo o Xulgado do Social número 4 de Pontevedra ordenaba a devolución das cantidades que o seu persoal laboral debería ter cobrado entre o 1 de xuño e o 14 de xullo. E o goberno municipal decidiu aboar ese diñeiro e ampliar os seus efectos a todos os traballadores públicos, para evitar múltiples reclamacións.

Cúmprese así o acordo que se alcanzou cos sindicatos o pasado 30 de maio. A cantidade que debe pagar o Concello supera os 100.000 euros e será aboada coa nómina deste mes, salvo nos casos do Instituto Municipal de Deportes e o Pazo da Cultura que, como organismos autónomos, deben seguir un procedemento paralelo e cuxos traballadores cobrarán en próximos meses.

Segundo explicou o concelleiro de Personal, Vicente García Legísima, o goberno municipal cumpre así cunha cuestión sobre a que hai sentenzas xudiciais "mesmo do Supremo" e sobre a que se pronunciou tamén a Valedora do pobo, Soidade Becerril, instando ás administracións públicas a devolución deste diñeiro aos seus empregados.