O Palacete das Mendoza acaba de conseguir o certificado S da Marca Sostibilidade Turística, converténdose así na primeira oficina de turismo de Galicia en acadar este distintivo.
A Marca Sostibilidade Turística está promovida polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).
Ten o obxectivo de axudar os establecementos, empresas e destinos de España a integrar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible promovidos polos preto de 200 países que forman parte das Nacións Unidas.
O certificado, que se colocou este xoves nas instalacións provinciais, supón un aval ao traballo desenvolvido a través de Turismo Rías Baixas para adaptar os criterios da norma UNE 0083:2024, que regula a contribución das organizacións turísticas aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Esta especificación supón que, por primeira vez, exista un estándar estatal que fixa os criterios, requisitos e recomendacións para o sector á vez que certifica as súas contribucións nesta materia.
O certificado S avala o compromiso co fomento dun turismo máis responsable e sostible que se basea tanto na protección medioambiental e patrimonial como no desenvolvemento socioeconómico local.
A oficina central de Turismo Rías Baixas suma este recoñecemento á marca de garantía Q Calidade Turística, outorgada tamén polo ICTE, que certifica a calidade da súa xestión, os seus servizos e as súas infraestruturas.