A serie "A cociña gourmet en conserva", da man de Conservas Pescamar, ofrécenos unha receita ideal como aperitivo ou primeiro prato, coa que aproveitaremos todas as calidades do atún.
O atún claro é un peixe de sabor suave que destaca pola súa achega en proteínas de gran valor biolóxico e o seu alto contido en Omega-3.

O panqueique é unha torta plana, redonda, salgada ou doce, cuxa masa contén leite e está levedada, a diferenza da filloa ou a crepe, que non levaría fermento.
Para preparar uns deliciosos Panqueiques de atún Pescamar con recheo de salmón e queixo de cabra, necesitamos os seguintes ingredientes:
- 1 lata de Atún Claro en aceite de oliva Pescamar
- 1 cunca de fariña
- 1 culleradiña de fermento
- 1 cunca de leite
- 2 ovos
- sal
- aceite
- 200 g de salmón afumado
- 150 g de queixo cremoso de cabra
- follas de aneto
- follas de alfábega
Preparación:
Poñemos nun bol o leite cos ovos e mesturamos. Engadimos a fariña tamizada, o fermento e un chisco de sal. Batemos cunhas variñas ata que se integren todos os ingredientes.
Tapamos o recipiente e deixamos repousar a masa unha media hora para que empece a levedar.
Pasado este tempo, incorporamos á masa o contido da lata de Atún Claro en aceite de oliva Pescamar, previamente escorrido, e mesturamos.
Manchamos unha tixola ao lume cun pouco de aceite e, cando estea quente, vertemos unha parte da masa no centro, coa medida suficiente para cubrir toda a base. Douramos por ambos lados. Retiramos a un prato e deixamos arrefriar.
Procedemos da mesma maneira até acabar toda a masa.
Para presentar os panqueiques, untamos cada un co queixo cremoso de cabra e incorporamos parte do salmón tallado e unhas follas de aneto e alfábega. Enrolamos e empratamos.
En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.