A escalinata exterior do Pazo Provincial, no Paseo de Montero Ríos de Pontevedra, terá este domingo 27 de xullo unha pantalla xigante para poder seguir a final da Eurocopa feminina que xogará a selección española de fútbol.
A Deputación de Pontevedra decidiu instalar esta pantalla xigante para que a cidadanía poida seguir a final e os seareiros poidan reunirse para seguir un partido de fútbol do máis alto nivel.
O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, convidou a toda a cidadanía a que se achegue ata a escalinata "a gozar deste xa novo trunfo do fútbol feminino español".
"Estar xa na final da Eurocopa é un éxito sen precedentes, que avanza a pasos axigantados e tantas alegrías nos dá", destacou Domínguez.
O partido xogarase en St. Jakob- Park de Basilea, en Suíza a partir das 18:00 horas, coa selección española xogándose o titulo contra Inglaterra.
Non é a primeira vez que a Deputación adopta unha medida similar. O ano pasado, xa instalou unha pantalla xigante para seguir tamén a final da Eurocopa masculina.
Tamén permitiu que os seareiros puidesen ver o encontro de ida da final polo ascenso a Primeira Federación entre o Pontevedra e o filial do Real Betis.