Chegamos a unha nova entrega de "A cociña gourmet en conserva" cunha deliciosa receita da cociña italiana: a ensalada panzanella, para a que Conservas Pescamar achega un dos seus produtos máis exclusivos, a ventrecha gourmet.
A ventrecha é a parte do bonito do norte máis exquisita e valorada pola alta cociña. Recibe o seu nome por atoparse na zona do ventre do bonito, onde se concentran proteínas de alto valor biolóxico e ácidos graxos idóneos para reducir os riscos das enfermidades cardiovasculares.
A panzanella, denominada tamén pansanella ou panmolle, é unha ensalada italiana da rexión de Toscana. A base tradicional está composta de anacos de pan, aceite, cebola, allos e vinagre. Co tempo, fóronse incorporando outros ingredientes como tomates, queixo, olivas, cogombro, ovo cocido e unha variedade de herbas aromáticas, entre as que destaca a albáfega.
Para preparar unha deliciosa 'Panzanella' con ventrecha de bonito do norte gourmet Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:
- 1 lata de ventrecha de bonito do norte gourmet Pescamar
- 6 rebandas de pan duro
- 1 vaso de auga fría
- 4 tomates maduros medianos
- 1 cebola vermella
- 3 dentes de allo
- 1 cogombro
- 100 g de queixo feta
- pementa negra
- follas de albáfega fresca
- Vinagre de viño branco
- Aceite de oliva virxe extra
- Sal
Preparación:
Deixamos a remollo o pan duro en auga fría, sen que chegue a enchouparse.
Á parte, partimos os tomates, a cebola vermella, o cogombro e o queixo feta en dados. Introducímolos nun bol e engadimos a ventrecha de bonito do norte gourmet Pescamar, cortada en anacos, e os allos picados finos.
Escorremos o exceso de auga do pan apertando lixeiramente cunha espátula. Cortamos en anacos pequenos e engadímolo no bol onde tiñamos o resto de ingredientes. Aderezamos con sal, pementa, aceite de oliva e vinagre. Remexemos ben.
Deixamos a panzanella durante polo menos media hora na neveira antes de degustala. Previo a servila, engadimos a albáfega fresca picada e volvemos remover.
En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.