Papá Noel e os Reis Magos atenderán os nenos en Marín con seguridade e sempre que non chova

Marín
17 de decembro 2020

A visita dependerá da climatoloxía, xa que non será posible derivala a un espazo pechado no caso de que chova, segundo confirmou o Concello de Marín

Pezas de decoración do Nadal de Marín
Pezas de decoración do Nadal de Marín / Concello de Marín

O Nadal deste ano debe ser diferente pola precaución que debe gardarse por mor da Covid, pero iso non deixará aos nenos e nenas de Marín sen recibir a visita de Papá Noel e tamén dos Reis Magos.

Segundo explicou a concelleira de Festas, Marián San Martín, estas especiais visitas manteranse na programación festiva do municipio, aínda que seguindo unhas normas e un estrito protocolo de seguridade.

Desta forma en Noiteboa, o próximo 24 de decembro, Papá Noel recibirá aos pequenos na Alameda, de 11.30 a 13.30 horas e de 17.00 a 19.30 horas, mentres que no caso dos Reis Magos repartiranse o 5 de xaneiro por tres localizacións de 17.30 a 20.30 horas, instalándose concretamente no Parque Eguren, a Alameda e a Torre do Reloxo.

En ambos os dous casos o protocolo de seguridade establece que haberá unha única fila para todos os nenos, que esperarán a súa quenda sen chegar a ter contacto coas súas Maxestades ou con Papá Noel, quedando nun círculo debuxado no chan desde o que poderán falar con eles para trasladarlles as súas peticións de agasallos e desde onde poderán sacar fotos.

Todo este dispositivo dependerá en última instancia do clima, xa que se chove non poderá ser posible levalo a cabo porque debido á Covid non é aconsellable trasladar as xornadas a recintos interiores, apostando por levalos a cabo ao aire libre.