Para CC.OO. o novo director do Príncipe Felipe "representa unha esperanza para o futuro do centro e dos traballadores"

Pontevedra
10 de decembro 2019

Comisións Obreiras avanza a súa "firme intención de colaborar co novo director sempre que se estea na liña de buscar solucións de futuro para o centro e para os problemas dos traballadores, en caso contrario, estaremos en fronte"

Presentación de Manuel García Cendón como novo director do Centro Príncipe Felipe
Presentación de Manuel García Cendón como novo director do Centro Príncipe Felipe / Cristina Saiz

José Ramón Piñeiro, secretario da sección sindical de Comisións Obreiras na Deputación de Pontevedra, valorou o nomeamento de Manuel García Cendón como novo director da Cidade Infantil Príncipe Felipe, coma un "feito que representa unha esperanza para o futuro do centro e dos traballadores e un tremendo reto para o novo director".

Comisións Obreiras entende que para a consecución deste obxectivo "non é suficiente coas boas palabras políticas da presidenta" así que reclama o "apoio decidido" do Goberno provincial para "emendar as dificultades estruturais dos edificios" do Centro Príncipe Felipe "para que os menores teñan as condicións adecuadas para a súa formación integral".

Ademais José Ramón Piñeiro aconsella á presidenta provincial, Carmela Silva, que asuma que esta competencia impropia "vai seguir tendo que xestionala a Deputación", porque "non pode obrigar á Xunta a que se faga cargo do Centro". Por esta razón entende este sindicato que "sería moi importante que se centrasen os esforzos en renegociar o convenio de colaboración actual entre a Xunta e a Deputación e se modificase o financiamento actual, no que a Xunta achega unha cantidade ridícula de 720.000 euros para un gasto anual por parte da Deputación 11 millóns de euros".

Para Comisións Obreiras "é de entender que a achega da Xunta debe de estar en función do nivel de ocupación de espazos que esta ten ou pode ter na Cidade infantil".

Ademais José Ramón Piñeiro propón a creación no Centro Príncipe Felipe dunha unidade de vida independente "para reforzar a autonomía dos adolescentes internos ou a mulleres maltratadas" e insta ao novo director a que modifique o Regulamento de réxime interno para facelo "participativo".

Finalmente Comisións Obreiras avanza a súa "firme intención de colaborar co novo director sempre que se estea na liña de buscar solucións de futuro para o centro e para os problemas dos traballadores, en caso contrario, estaremos en fronte".