Para o PP, se estivesen gobernando a Deputación os fondos europeos "non se perderían"

Pontevedra
28 de abril 2016

Todos os proxectos que presentou o goberno de Louzán á convocatoria de fondos europeos foron xustificados, segundo a deputada Nidia Arévalo, "en tempo e forma". Recoñece iso si que eran tramitacións "complicadas" porque involucraban a varias administracións e iso provocou no seu momento "retrasos" ou pequenos cambios sobre o previsto inicialmente. Pero todo iso, insisten desde o PP, se pode resolver

Nidia Arévalo
Nidia Arévalo / Mónica Patxot

Todos os proxectos que presentou o goberno de Louzán á convocatoria de fondos europeos foron xustificados, segundo a deputada Nidia Arévalo, "en tempo e forma". Recoñece iso si que eran tramitacións "complicadas" porque involucraban a varias administracións e iso provocou no seu momento "retrasos" ou pequenos cambios sobre o previsto inicialmente. Pero todo iso, insisten desde o PP, se pode resolver.

"Aínda estamos a tempo. Non hai nada que non teña solución", sinalou a portavoz popular que instou ao goberno provincial a que "se poñan a traballar" e certifiquen os fondos que faltan para evitar perder eses dez millóns de euros e "pelexe" por defender eses proxectos "como se foran deles".

A portavoz do PP reiterou que "non queremos dar por feito" a perda deses dez millóns polo que instaron ao executivo provincial "que se poñan a xustificar os proxectos" e cumpran os requirimentos recollidos nos documentos que remitiu Facenda.

Arévalo non quixo entrar no fondo das resolucións do Ministerio de Facenda xa que aínda non puideron acceder a elas, pero reiterou que o proxecto DepoGap xustificouse "segundo se marcaba na convocatoria" e que as 35 depuradoras que se instalaron no ámbito do río Miño no marco da iniciativa Deputrans "están en funcionamento", polo que reiterou que todo ese diñeiro "está na rúa e ao servizo dos veciños".

"Aínda estamos a tempo. Non hai nada que non teña solución", sinalou a portavoz popular que instou ao goberno provincial a que "se poñan a traballar"

En total, os populares destacaron que durante o goberno de Louzán xestionáronse 47 proxectos con fondos europeos que reportaron un investimento de 120 millóns de euros "e nunca aconteceu nada"; mentres que desde que o bipartito goberna na deputación pontevedresa "todo son problemas".

Ademais, Nidia Arévalo apuntou que o actual executivo non contestou a varios requirimentos realizados por Facenda nos últimos meses e que redactaron no seu día un informe no que certificaban que as actuacións realizadas pola Deputación adaptábanse á normativa e acreditaba, segundo a deputada do PP, que "todo estaba como debía estar".

Para o PP, neste asunto houbo "deixadez" do goberno actual, ao que acusan de estar "paralizado" e estar centrados en buscar o "sensacionalismo" e en deseñar "cortinas de fume" para ocultar que tres dos seus deputados están imputados pola xustiza. "É triste que ocorran estas cousas, pero neste goberno son uns incapaces", reiteraron os populares, tras sinalar que con eles á fronte da Deputación "estes fondos non se perderían".

Con respecto á continuidade de Rafael Louzán como asesor do PP provincial, cuestionada polos socialistas tras descubrirse estas presuntas irregularidades, Nidia Arévalo mostrouse firme ao asegurar que os populares están "orgullosos" do traballo realizado polo ex presidente provincial, e instou o actual executivo que forman PSdeG-PSOE e BNG, a que abandonen a súa "obsesión" con el.