Paralizan a reparación da ponte da Xunqueira de Alba polo seu estado de deterioro

Pontevedra
30 de xullo 2014

Esta nova situación obrigou a valar toda a ponte e as súas tres entradas, colocando a correspondente sinalización de prohibido o paso dado que hai risco de derrubamento. Ademais iniciarase a tramitación da contratación da nova pasarela, un proceso que se poderá demorar unhas semanas

Ponte peonil da Xunqueira de Alba que será substituido polo seu mal estado
Ponte peonil da Xunqueira de Alba que será substituido polo seu mal estado

A rehabilitación da ponte peonil da Xunqueira de Alba non será posible. Nada máis comezar os traballos, os técnicos municipais comprobaron que as vigas principais que suxeitan a estrutura da ponte están podres e non son reparables. Aínda que o Concello dispoñía dun informe técnico que avalaba a reparación e non a substitución da ponte, o levantamento do entarimado do chan revelaron esta situación.

Esta nova situación obrigou a valar toda a ponte e as súas tres entradas, colocando a correspondente sinalización de prohibido o paso dado que hai risco de derrubamento. Ademais iniciarase a tramitación da contratación da nova pasarela, un proceso que se poderá demorar unhas semanas.

Tamén nestes traballos previos comprobouse que tanto a instalación como a construción da ponte non foron as máis idóneas. As balaustradas de metal eran demasiado pesadas para a estrutura, o entarimado non tiña a ancoraxe idónea aos piares e as vigas non presentaban a conservación que debera logo de pasar só 14 anos da instalación, entre outras cousas.

De feito, logo de acordar a paralización e substitución da ponte, os técnicos municipais supervisarán as zapatas para confirmar que teñan o estado de conservación adecuado para soportar unha nova estrutura.

O proxecto está por facer pero dende o goberno municipal óptase por unha ponte acorde co hábitat do ENIL da Xunqueira de Alba, aínda que non coas dimensións do actual, porque non é necesaria para o uso que ten.

Nestes días tamén se definirá se desmontarán a estrutura actual antes ou á par da instalación da nova ponte, dado que a intendencia para desmontala é bastante custosa.