Paralizan a obra do Novo Montecelo no inicio da xornada de folga na construción

Pontevedra
05 de novembro 2025

O sector vive este mércores unha xornada de paro en Galicia con manifestación ás 12.00 horas en Pontevedra. Reclaman melloras laborais e máis capacidade de negociación autonómica

Piquete da folga da construción diante da entrada ás obras do Novo Montecelo
Piquete da folga da construción diante da entrada ás obras do Novo Montecelo / CIG

A obra do Novo Montecelo quedou totalmente paralizada ás primeiras horas deste mércores 5 de novembro con motivo da folga convocada pola FCM-CIG en todo o sector da construción, tanto en obra pública como privada.

Un piquete informativo marcou o inicio desta xornada de paro na obra de máis envergadura da comarca situándose na entrada ao recinto onde se constrúe o novo edificio do hospital de Montecelo.

A xornada de folga, convocada en toda a comunidade, ten como causa a demanda dun convenio galego que blinde os acordos provinciais e permita mellorar condicións de traballo adaptadas á realidade do sector en Galicia.

O paro tamén responde, segundo os convocantes, á negativa da patronal a negociar este marco regulador, pese a que desde a CIG levan máis dun ano tentando avanzar nesta vía e consideran clave negociar localmente materias como salarios, xubilación ou xestión das xornadas.

Lara Fernández,  responsable da Federación da Construción en Pontevedra, afirma que "buscamos un convenio galego onde traballadores e traballadoras poidan decidir as condicións que se axusten á situación de Galicia para conseguir salarios dignos; sen facer dez ou doce horas, obrigados a facer xornadas con horas extra; e coeficientes redutores para rebaixar as idades de xubilación".

Piquete informativo nas obras do Novo Montecelo
Piquete informativo nas obras do Novo MonteceloCIG

Desde a organización sindical denuncian unha "actitude obstrucionista" das patronais provinciais e de FEGACONS, o que aboca á clase traballadora á folga para defender dereitos concretos e mellorar a seguridade dos convenios galegos fronte ás limitacións do ámbito estatal.

A xornada reivindicativa inclúe unha manifestación que partirá ás 12.00 horas desde a rúa Pasantería, diante da sede da CIG en Pontevedra, e unha concentración ás 12.30 diante da Ponte dos Tirantes.