ParaPara, Hiragana e Katacana, novidades na VI edición de Manga e Anime en Noites Abertas

Pontevedra
29 de febreiro 2016

Os amantes do manga e do anime poderán acudir á súa cita con este xénero como veñen facendo desde o ano 2011 en Pontevedra. O programa Noites Abertas, na súa aposta por dar voz á mocidade da cidade, continúa impulsando este xénero nipón que conta cada vez con máis adictos a través da VI edición das Xornadas de Manga e Anime

Representantes da VI edición de Manga e Anime de Noites Abertas xunto ó concelleiro Demetrio Gómez PontevedraViva

Yu-Gi-Oh, Son Goku ou Naruto, son algúns dos personaxes máis característicos e coñecidos do anime e do manga. Acompañaron a vida dos nenos durante moito tempo. E moitos deses rapaces poderán participar na VI edición das Xornadas de Manga e de Anime de Pontevedra.

Serán na Casa Azul, o venres 4 de marzo, desde as 18:00 horas ata as 22:00 horas, e o sábado 5 de marzo a partir das 19:00 horas ata as 23:00 horas. A asistencia é totalmente gratuíta.

"Poder gozar cunha actividade na que podemos compartir os nosos gustos, poder coñecer xente nova e que entre todos formemos unha gran familia" é o obxectivo destas xornadas segundo Noemi Fernández, responsable deste evento.

Os representantes destas xornadas tamén deixaron claro que o seu desexo é que "los jóvenes se lo pasen bien" e coñecer así un mundo e unha temática aínda descoñecida para moitos. "Creemos que este año va a haber muchísima participación" xa que non só é xente de Pontevedra a que se dispón a participar senón tamén de fóra, como admitía un dos membros da organización.

Deste xeito, as actividades repartiranse en dúas sesións, tendo como protagonista a zona de karaoke de Cosplay (caracterización do personaxe favorito de cada persoa) e doutra banda unha serie de actividades do mundo nipón como, por exemplo, o ParaPara, un baile xaponés de carácter popular realizado en grupo, ou o Hiragana e o Katacana, "una explicación básica de lo que es la introducción al vocabulario" feita para aquelas persoas que desexen introducirse no vocabulario xaponés; sumándose a outras relacionadas cos videoxogos como o Tekken, o Budokai 3 ou o trivial, adaptado a unha versión xaponesa.

Doutra banda o concelleiro Demetrio Gómez, quixo facer unha valoración sobre as xornadas de Noites Abertas, destacando as 265 persoas que asisten aos diferentes eventos cada fin de semana, sinalando o Quidditch, a cociña, as clases de batería ou o baloncesto en cadeira de rodas, como algunhas das actividades máis destacadas este ano.