Paraugas vermellos na Ferrería por unha sanidade pública

Pontevedra
13 de decembro 2015

Integrantes da Plataforma por unha Sanidade Pública concentráronse este domingo 13 ante a árbore de Nadal da Praza da Ferrería para reclamar unha sanidade pública digna para Pontevedra. Tras a manifestación do 13 de novembro, a consellería de Sanidade mantén a postura contraria a ampliar o Hospital Montecelo

Plataforma por unha Sanidade Pública concentrados na Ferrería
Plataforma por unha Sanidade Pública concentrados na Ferrería / PontevedraViva

Profesionais e usuarios dos hospitais de Pontevedra concentráronse, dentro do calendario de actos que desenvolven ao longo do ano, ante a árbore de Nadal instalado na Praza da Ferrería durante este domingo 13 de decembro.

Portando paraugas de cor vermella nos que se podía ler Sanidade Pública, os integrantes desta protesta despregaron unha pancarta para manifestar a súa oposición á privatización do sistema sanitario, tal e como entenden que se está levando a cabo desde a consellería de Sanidade.

Durante todas as fins de semana, membros deste colectivo realizan concentracións na praza da Peregrina co obxectivo de sensibilizar aos cidadáns ante o que entenden é un desmantelamento dos servizos sanitarios públicos.

Entenden que a pesar do amplo respaldo popular á manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública en Pontevedra hai un mes, o pasado 13 de novembro, a situación nos centros hospitalarios en Pontevedra continúa igual e reclaman melloras inmediatas no Hospital Montecelo.