A Parda celebrará a súa Festa da Primavera con actividades infantís, talleres e unha nova festa Holi

Pontevedra
15 de maio 2026

O evento combina actividades para todas as idades cunha campaña de dinamización do comercio local. As propostas serán gratuítas, pero requiren billete de compra nos negocios do barrio

Presentación da Festa da Primavera da Parda
Presentación da Festa da Primavera da Parda / Antía Quinteiro García

O barrio da Parda prepárase un ano máis para celebrar a súa Festa da Primavera cunha xornada dedicada aos máis pequenos que se desenvolverá o sábado 23 de maio na Praza da Cítara, no Centro Leste e na rúa Pintor Laxeiro.

O evento foi presentado este venres pola concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, acompañada por Yolanda Pazos e Ángeles Ribeiro, representantes da Asociación de Profesionais e Pequenas Empresas da Parda (APEP).

Presentación da Festa da Primavera da Parda
Presentación da Festa da Primavera da PardaAntía Quinteiro García

O obxectivo é combinar actividades de lecer para todas as idades cunha campaña de dinamización do comercio local, xa que as propostas serán gratuítas, aínda que requirirán billete de compra nos establecementos do barrio.

O programa inclúe talleres e inchables na Praza da Cítara en horario de mañá, de 12:00 a 14:00 horas, e pola tarde, de 16:00 a 19:00 horas.

Como novidade, esta edición incorporará por primeira vez unha festa Holi, que se celebrará na rúa Pintor Laxeiro entre as 19:00 e as 19:30 horas. Trátase dunha celebración hindú coñecida como festival das cores que está vinculado á primavera e que consiste en lanzar pos e auga de cores sobre as persoas asistentes.

Ademais, o Centro Leste acollerá talleres florais ao longo de toda a xornada, organizados en colaboración coa floraría Nina, un novo negocio do barrio que se suma á programación.

A iniciativa tivo moi boa acollida e as prazas para participar están case esgotadas. As persoas que queiran apuntarse poden facelo a través deste enlace.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora