A Parda terá unha nova zona verde de 4.200 metros cadrados entre as rúas Maruxa Mallo, Virxinia Pereira e San Amaro

Pontevedra
15 de agosto 2025

A Xunta de Goberno aproba que se retome a urbanización de Agro da Estrela, na avenida Conde Bugallal, paralizada durante a crise da construcción de 2008. Construiranse 50 viviendas

Zona verde prevista entre Maruxa Mallo, San Amaro e Virxinia Pereira
Zona verde prevista entre Maruxa Mallo, San Amaro e Virxinia Pereira / Concello de Pontevedra

O barrio da Parda terá unha nova zona verde entre a rúa Maruxa Mallo, a avenida Virxinia Pereira Renda e a rúa San Amaro. 

Así o acordou este xoves o Concello de Pontevedra, que na súa reunión semanal do goberno local deu luz verde ao proxecto de urbanización presentado pola empresa Kuha Soluciones Residenciales S.L.

A empresa solicitou licenza para un novo edificio na zona e presentou este proxecto, que supón rematar o acondicionamento como zona verde dunha parcela que quedara pendente anos atrás.

A parcela ten 4.200 metros cadrados e a empresa presentou unha proposta paisaxística que busca transformar esta parcela, en palabras da tenente de alcalde, Eva Vilaverde, nun "espazo público moderno, sostible e multifuncional".

Eva Vilaverde deu conta dos acordos da Xunta de Goberno local e explicou que este proxecto suporá "preservar o carácter orixinal" da finca, desde o arborado, a muros de cachotería, os socalcos da parcela ou os solos orixinais.

Tamén contempla o traslado do hórreo de pedra á zona verde.

Este non é o único proxecto urbanístico que supón reactivar obras pasadas en Pontevedra. Este xoves tamén se aprobou prorrogar 12 meses o prazo de licenza para finalizar as dúas fases pendentes da urbanización de Agro da Estrela, na avenida Conde Bugallal

Esta promoción quedara sen rematar durante a crise da construción do ano 2008 e pasou a mans da Sareb. Agora, apróbase o cambio de titularidade da urbanización e esta prórroga da licenza. 

A obra comezou en 2007 e tiña previstas 110 vivendas en tres fases. Tres rematáronse, pero dúas quedaron pendentes e agora vanse recuperar e finalizar. 

Os dous novos edificios suporán edificar as 50 vivendas que faltaban das 110 proxectadas.