O parking do porto de Sanxenxo bate o seu récord con máis de 793.000 euros facturados en 2025

Sanxenxo
04 de xaneiro 2026

Esta cifra supera nun 5,4% os ingresos do ano anterior, que até agora fora o mellor desde a súa apertura. Tamén incrementou o número de vehículos estacionados, con 3.775 máis que en 2024

Interior do párking Nauta Sanxenxo Concello de Sanxenxo

O aparcadoiro soterrado do porto deportivo de Sanxenxo pechou 2025 cun novo récord de facturación ao alcanzar os 793.074 euros, unha cifra que supera nun 5,4% os ingresos do ano anterior, que até agora fora o mellor desde a súa apertura.

Todo iso, mantendo as mesmas tarifas que en exercicios previos.

O incremento tamén se notou no número de vehículos estacionados, con 167.524 coches ao longo do ano, 3.775 máis que en 2024.

O estacionamento, xestionado pola empresa municipal Nauta Sanxenxo, dispón de 584 prazas distribuídas entre a planta pública interior (206), o aparcadoiro exterior (200) e a zona privada (178).

As instalacións permiten gozar de dúas horas gratuítas ao día en tempada baixa para os vehículos censados no municipio, un beneficio do que en 2025 fixeron uso 4.746 usuarios, xerando 26.286 descontos aplicados.

En canto á rotación de vehículos, alcanzou o seu punto máis alto durante o verán, sendo agosto o mes con maior afluencia, con 34.316 coches, seguido de xullo (26.133), setembro (15.503) e xuño (15.720), que rexistrou a maior subida interanual.

Cabe destacar tamén a actividade durante a tempada baixa, especialmente en abril (13.372 vehículos), maio (12.046) e decembro (12.412).

Desde o Concello de Sanxenxo tamén destacan o aumento dos bonos de estacionamento, que pasaron de 32.104 en 2024 a 40.915 en 2025.