Un parque infantil con temática mariña, unha área de xogo que acollerá, entre outras pezas, unha torre-faro con xogos integrados, trampolín circular, columpios inclusivos e para bebés, un circuíto de aventuras e outros xogos adaptados a diferentes idades.
Así será o renovado parque infantil de Costa Xiráldez, en Lourido, no que o goberno municipal de Poio destinará algo máis de 200.000 euros para facer esta reforma integral, da que se só se salvará a actual tirolesa.
Esta actuación busca corrixir o avanzado estado de deterioro do parque, con pezas moi antigas e rotas que supoñen un perigo para a cativada.
"Queremos ofrecer aos máis pequenos da casa áreas de xogo atractivas e diferentes", destacou o alcalde, Ángel Moldes, que aposta por crear parques temáticos por todo o municipio nos que xogar "se converta nunha auténtica aventura".
Moldes subliña que son moitas as familias de dentro e fóra de Poio que visitan e fan uso de toda esta contorna "e queremos ofrecerlles espazos e servizos seguros e de calidade".
A proposta, ademais de ofrecer xogos para unha ampla franxa de idade, tamén incluirá pezas inclusivas e adaptadas para bebés, unha medida que o goberno local xa incorporou na reforma do parque da Seca, está proxectada para Ánkar e tamén se incluirá en Lourido.
CAIXA BENVIDA A 16 BEBÉS
O alcalde fixo entrega este sábado das 'caixas benvida' a dezaseis familias tras o nacemento dos seus bebés no segundo trimestre do ano.
Así, trasladou os mellores desexos de toda a corporación para Ainara, Alba, Natalia, Lois, Enzo, Bruno, Johana, Manuel, Antía, Zoe, Amira Raquel, Nadir, Indiana, Maximo, Ada e Enoc.

"Sodes xa unha parte fundamental para o noso municipio", afirmou Ángel Moldes, que aproveitou a ocasión para agradecer ás familias que elixisen Poio para establecerse e iniciar o seu proxecto de vida.
A 'caixa benvida' do Concello de Poio é un pequeno agasallo que se entrega aos bebés nados no municipio e que inclúe algúns produtos útiles para os primeiros meses de vida.