Parques infantís accesibles e sensoriais, reclamación do PP local

Pontevedra
12 de xaneiro 2020

A concelleira popular Pepa Pardo afirma que en Pontevedra non existe nin un só bambán balancín para menores que se movan en cadeira de rodas. Tamén propón a incorporación do sistema Braille nas áreas infantís

Pepa Pardo, concelleira do PP, con José Ángel Abraldes, director do CRE da ONCE, nun parque infantil
Pepa Pardo, concelleira do PP, con José Ángel Abraldes, director do CRE da ONCE, nun parque infantil / Partido Popular de Pontevedra

Pepa Pardo, concelleira do Partido Popular de Pontevedra, levará ao próximo pleno municipal a petición de mellora na accesibilidade dos parques infantís de Pontevedra e convertelos en plenamente sensoriais empregando o sistema Braille.

A concelleira reclama unha accesibilidade universal a estes espazos de xogo, de maneira que permitan unha inclusión e integración ao 100% de todos os menores. Sinala que, tras manter encontros con distintas asociacións e visitar a totalidade dos parques de Pontevedra, é necesario incorporar o sistema Braille con paneis informativos e identificativos dos distintos bambáns.

Segundo sinala non existe un só parque de Pontevedra con este sistema que facilite a participación de menores con dificultades visuais. Ademais entende que se deben empregar cores, texturas e contrastes para diferenciar espazos e que, desta forma, localicen os xogos.

A representante do PP afirma que tampouco existe unha soa randeeira balancín para menores que se movan en cadeira de rodas. Segundo recolle Pepa Pardo tras manter xuntanzas con nais e pais con fillos con mobilidade reducida resulta dificultoso ter que cargar co peso dos menores para poder subilos aos actuais bambáns cesta que non se atopan adaptados.