O incendio que consumiu este martes un edificio situado na rúa Marqués de Riestra obrigará a demoler parte do inmoble, segundo avanzou o Concello de Pontevedra.
Así o ordenou o servizo municipal de arquitectura tras a inspección técnica que realizaron de toda a estrutura, que acabou moi danada polo lume.
Para evitar que a cuberta do edificio colapse, un risco que consideran moi elevado, teranse que executar os traballos necesarios para demolela de maneira controlada.
Esta intervención farase o mércores pola mañá cando se espera que o incendio xa estea completamente controlado e sufocado.
Será a partir das nove da mañá. Está previsto o desmontado da bufarda superior de edificio e tamén se supervisará de novo toda a cuberta por se houbese que retirar algunha peza máis.
Por seguridade, deuse orde de desaloxo dos edificios lindeiros, o da farmacia e o do garaxe, ata que se poidan inspeccionar as medianeiras do inmoble.
Até novo aviso, a rúa Marqués de Riestra estará cortada ao tráfico de vehículos e ao paso dos peóns, advertiu o goberno municipal.
Durante toda a noite permanecerán na zona patrullas da Policía Local por motivos de seguridade e unha dotación de bombeiros cun camión para manter os traballos de arrefriado do edificio.
Nas últimas horas, os bombeiros seguindo refrescando todo o inmoble, especialmente as zonas de máis difícil acceso.
No operativo despregado por este incendio participaron axentes da Policía Local e da Policía Nacional, Bombeiros de Pontevedra e do consorcio provincial e efectivos da agrupación de voluntarios de Protección Civil.
Ademais achegouse ao lugar unha ambulancia medicalizada de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
A todos eles, especialmente aos bombeiros, a edil responsable de seguridade cidadá, Eva Vilaverde, trasladou o seu agradecemento polo traballo que desenvolveron.