Participantes da volta a nado á illa de Tambo gozarán dunha visita guiada previa con degustación de mexillóns

Poio
07 de xuño 2024

A visita á Illa de Tambo será o 27 de xullo, día previo á proba dominical, que parte de Combarro coa disputa dos percorridos de 6 quilómetros; 4,5 km e 1 km. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 23 de xullo

I edición da Volta a nado Illa de Tambo-Concello de Poio
I edición da Volta a nado Illa de Tambo-Concello de Poio / Concello de Poio

A organización da Volta a nado Illa de Tambo anuncia a celebración dunha visita guiada exclusiva a este espazo natural para todas aquelas persoas participantes na proba e acompañantes.

A visita, de tres horas de duración, está prevista para o sábado 27 de xullo, día previo á competición. A proposta promove así a difusión, por parte de guías especializados, da historia e patrimonio natural, histórico e cultural deste espazo significativo da ría de Pontevedra.

Observarán os restos da capela de San Miguel, o antigo lazareto, o faro de Tenlo Chico ou a polvoreira militar, entre outros puntos de interese. Ademais, os participantes gozarán dun paseo en catamarán pola ría con parada nunha batea de mexillóns, onde coñecerán o proceso de cultivo con degustación.

Quen desexe participar deberá inscribirse previamente antes do 26 de xullo na web de Volta a nado Illa de Tambo. Nesta mesma páxina permanecerá aberto o prazo para apuntarse á proba ata o 23 de xullo.

A organización agarda arredor de 200 nadadores da península para realizar os percorridos de 6 km, 4,5 e 1 km durante a xornada do domingo 28, día da competición

A saída e chegada das tres probas establécese na Praza da Chousa de Combarro.