Paseos en triciclo eléctrico adaptado para que gozar do Nadal pontevedrés non teña limitacións de idade

Pontevedra
20 de decembro 2022

Afundación organiza rutas especiais en colaboración con Saraiva e Campolongo dentro do seu programa 'Pedalear e conversar' para que as persoas maiores residentes poidan gozar da iluminación do Nadal mediante paseos en triciclos eléctricos conducidos por voluntarios. Percorren a praza de España, a Alameda, a praza da Ferrería ou a praza de Curros Enríquez  

Paseos en triciclo eléctrico adaptado con residentes de Campolongo e Saraiva
Paseos en triciclo eléctrico adaptado con residentes de Campolongo e Saraiva / PontevedraViva

O programa 'Pedalear e conversar' de Afundación organiza este Nadal unha serie de roteiros especiais en colaboración cos centros de maiores Saraiva e Campolongo para que as persoas maiores residentes poidan contemplar e gozar da iluminación de Nadal.

Trátase de paseos en triciclos eléctricos conducidos por voluntarios que teñen como obxectivo que os residentes destes centros de maiores sintan o ambiente do Nadal e gocen da decoración, a enerxía e a ilusión que se vive na rúa.

Desta forma, engádese un plus de alegría aos paseos habituais a través da iluminación, as actuacións de rúa, os xogos para os nenos, a observación e interacción con outros viandantes que se suman á sensación de liberdade que achega o desprazamento en triciclo.

Os roteiros especiais de Nadal serán a partir das 18.00 horas e percorrerán os puntos máis relevantes da iluminación como a praza de España, a Alameda, a praza da Ferrería ou a praza de Curros Enríquez.

A iniciativa enmárcase no movemento internacional 'En bicicleta sen idade', iniciado en Dinamarca e que xa se consolidou en numerosas cidades de todo o mundo, incluíndo Donosti, Madrid, Alacante, Albacete, Zaragoza, Barcelona e, máis recentemente, da man de Afundación, en Pontevedra, A Coruña e Vigo. 

É unha forma de reclamar a participación das persoas maiores nos espazos físicos da cidade, caracterizada pola sustentabilidade e a xenerosidade, na que a creación de novas relacións entre voluntarios e persoas maiores constitúe unha das esencias. Trátase dun proxecto no que, ademais, conséguense romper as barreiras interxeracionais para compartir historias entre, ata entón, persoas descoñecidas.