Paso definitivo para crear o pumptrack no Outeiro

Barro
08 de xaneiro 2026

A nova pista, situada xunto á piscina municipal, contará cun investimento de 96.000 euros financiados pola Deputación de Pontevedra

Xosé Manuel Fernández Abraldes e Andrea Pérez Cal no espazo onde se instalará o pumptrack
Xosé Manuel Fernández Abraldes e Andrea Pérez Cal no espazo onde se instalará o pumptrack / Concello de Barro

O Concello de Barro aprobou en Xunta de Goberno a construción dun circuíto de pumptrack no lugar do Outeiro, unha iniciativa destinada a ampliar a oferta deportiva e de lecer do municipio.

O proxecto, cun orzamento de 96.000 euros, sufragarase a través do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas impulsado pola Deputación de Pontevedra.

A nova instalación estará situada nunha parcela anexa á piscina municipal, converténdose nun espazo ao aire libre para a práctica de distintos deportes e actividades lúdicas.

Segundo explicou o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, que xunto á concelleira de Deportes, Andrea Pérez Cal, visitou recentemente a zona, o circuíto permitirá o uso de bicicletas, patinetes, monopatíns e skates en estruturas de curvas e lombas pensadas para todas as idades, pero especialmente para a mocidade do municipio.

O pumptrack no Outeiro supón un paso máis no compromiso municipal de fomentar a actividade física e a práctica de novas disciplinas deportivas, así como de promover hábitos saudables entre a veciñanza.

Ademais, este novo equipamento chega, segundo o goberno local, para facilitar o encontro social entre escolares e mocidade.