Patrimonio autoriza o proxecto arqueolóxico do soar destinado ao tanatorio de Arcebispo Malvar

Pontevedra
25 de setembro 2014

Era un trámite necesario antes de poder presentar o proxecto definitivo de construción do tanatorio, que nun principio só quedaría pendente da solicitude da correspondente licenza municipal

Solar do Colexio de Arquitectos elexido para construir un tanatorio
Solar do Colexio de Arquitectos elexido para construir un tanatorio / PontevedraViva

Pompas Fúnebres e Alianza y Barros, as dúas empresas que impulsan o proxecto de tanatorio na rúa Arcebispo Malvar, veñen de recibir a autorización de Patrimonio para poder executar a intervención arqueolóxica na zona. Era un trámite necesario antes de poder presentar o proxecto definitivo de construción do tanatorio, que nun principio só quedaría pendente da solicitude da correspondente licenza municipal.

A resolución impón algún matiz técnico ao proceso de execución, puntualizacións que, en principio, non supoñen dificultades importantes. As funerarias só esperan agora o permiso municipal para iniciar de inmediato a actuación.

En concreto, Patrimonio esixe que a área de escavación no espazo no que se atopan os restos da muralla medieval sexa un pouco máis ampla do previsto, e que esta intervención finalice antes de empezar a construción do muro de micropilotes destinado a garantir a estanquidade do soar.

Ademais, limita esta pantalla aos sectores leste, norte e oeste da parcela situada entre Arcebispo Malvar e a Avenida do Uruguai, para evitar afeccións á muralla, e establece a posibilidade de efectuar escavacións extraordinarias caso de ser necesarias e determinar a conservación dalgunha estrutura específica.

Tras esta exhaustiva intervención arqueolóxica, as dúas empresas teñen previsto presentar o proxecto definitivo do tanatorio, un inmoble que, aseguran, contará ⿿coas máis modernas calidades e tecnoloxía do sector e cun coidadoso deseño que permitirá a súa completa integración no contorno⿝.

RESPOSTA DO CONCELLO

Desde o Concello de Pontevedra sinalan que, aínda que a autorización non se formalizara ata hoxe, os técnicos municipais xa tiñan coñecemento desta resolución desde o pasado día 9, data na que se celebrou a comisión territorial de Patrimonio. 

Indican que a empresa deberá agora realizar unha "exhaustiva intervención arqueolóxica" no soar. Esta intervención proporcionará datos e vestixios que determinarán o proxecto arquitectónico final.

No momento en que haxa que tramitar a licenza do edificio, o Concello seguirá, como sempre, o procedemento legal e regulado, e aceptará o que digan os informes sectoriais vinculantes en materia de Patrimonio e de Policía Sanitaria-Mortuoria, que dependen da Consellería de Sanidade.

En todo caso, desde o goberno municipal lembran que o expediente en marcha é para un tanatorio e non para un crematorio, polo que non está afectado pola suspensión cautelar das licenzas para estes usos, derivada da modificación do Plan Xeral de Ordenación Urbana.