Patrimonio non autoriza a demolición do edificio de Michelena lindeiro coas Galerías da Oliva

Pontevedra
20 de outubro 2021

Nun informe que, segundo destacou o edil de Urbanismo, Xaquín Moreda, é "bastante rigoroso", os técnicos de Patrimonio aseguran que o proxecto presentado non inclúe o que os promotores pretenden facer con ese solar, polo que non poden autorizar a súa demolición. Lembran que o edificio está afectado pola área de protección do BIC do santuario da Peregrina

Edificio de Michelena que proxectan demoler
Edificio de Michelena que proxectan demoler / Mónica Patxot

O proxecto para demoler parte das Galerías da Oliva topouse cun obstáculo inesperado. O servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia non autoriza a derriba dun dos dous edificios que se querían tirar, o situado entre Michelena e Gutiérrez Mellado.

Nun informe que, segundo destacou o edil de Urbanismo, Xaquín Moreda, é "bastante rigoroso", os técnicos de Patrimonio aseguran que o proxecto presentado non inclúe o que os promotores pretenden facer con ese solar, polo que non poden autorizar a súa demolición.

Lembran que o edificio está afectado pola área de protección do BIC do santuario da Peregrina e, se o que pretenden é que o solar quede baleiro, se "deturparía" a paisaxe urbana próxima ao templo, algo que "non é compatible" coa conservación do patrimonio.

Como tampouco detallan se o edificio será substituído por outro, Patrimonio prohibe derrubalo. Os promotores deberán entregar o proxecto completo e, a partir del, decidirán.

Ademais, os técnicos apuntan que o edificio non presenta danos estruturais que aconsellen a súa demolición e subliñan que este tipo de inmobles, que datan da década dos anos 40, en cidades como Vigo e Ourense xa están catalogados. Iso si, en Pontevedra aínda non.

Con este informe na man, desde o Concello de Pontevedra informarán á propiedade desta negativa para derrubar o edificio e, segundo Moreda, "terán que decidir o seguinte paso".

Este ditame non afecta ao segundo edificio afectado, o de Gutiérrez Mellado 3, que xa conta con licenza aprobada para a súa derriba ao non ter ningún tipo de protección. Iso si, os seus responsables deberán analizar se lles compensa seguir adiante co seu proxecto.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora