As pavimentacións progresan en Campañó e afectan este venres ao tráfico en Xosé Malvar

Pontevedra
02 de xullo 2026
Actualizado: 17:53

O plan municipal de rehabilitación de firmes mobiliza un investimento de 4,44 millóns de euros e permitirá actuar sobre preto de 40 quilómetros de vías

A concelleira María José Abilleira visita Campañó
A concelleira María José Abilleira visita Campañó / Concello de Pontevedra

O plan municipal de rehabilitación de firmes continúa avanzando tanto no rural como na cidade.

A concelleira responsable do Rural, María José Abilleira, visitou este xoves as actuacións que se están a executar na parroquia de Campañó, onde xa remataron os traballos nunha das pistas principais da zona.

A intervención permitiu renovar a vía que enlaza os lugares do Bispo e Souto Novo, en Campañó, con Lampreeira, na parroquia de Alba.

Ademais da colocación dun novo firme, os traballos incluíron o acondicionamento dos laterais para ampliar a anchura útil da estrada, a regularización do terreo e o posterior asfaltado nun percorrido de algo máis de medio quilómetro.

Na actualidade, os operarios céntranse na vía da Devesa, en Alba, mentres que nos próximos días está previsto completar as actuacións pendentes en Campañó e no acceso ao novo campo de fútbol de Salcedo.

Segundo explicou María José Abilleira, este contrato responde ás necesidades trasladadas pola veciñanza e polas asociacións das distintas parroquias tras un proceso de traballo previo cos servizos municipais.

A edil avanzou que o calendario das seguintes actuacións será coordinado entre os técnicos municipais e a empresa adxudicataria e lembrou que o programa contempla reposicións de firme nas quince parroquias do rural.

Asúmense mediante diferentes vías de financiamento, entre elas este contrato, o canon da auga, modificacións orzamentarias, o convenio de saneamento con Veolia e fondos propios do Concello.

No ámbito urbano, o plan de asfaltado continuará este venres e o luns coa terceira fase das obras na rúa Xosé Malvar. Os traballos desenvolveranse entre a rotonda de Loureiro Crespo e a conexión co barrio de Valdecorvos.

Para facilitar a execución das obras, a Policía Local habilitará un único sentido de circulación no tramo afectado. As tarefas de fresado e asfaltado realizaranse en horario de mañá, entre as 7.00 e as 15.30 horas, co obxectivo de reducir as afeccións ao tráfico.

O plan municipal de rehabilitación de firmes mobiliza un investimento de 4,44 millóns de euros e permitirá actuar sobre preto de 40 quilómetros de vías, cunha superficie total superior aos 191.000 metros cadrados.

Ademais da renovación do pavimento, o programa inclúe a mellora da sinalización horizontal e vertical e a instalación de medidas para reducir a velocidade e reforzar a seguridade viaria en distintos puntos do municipio.