Este domingo 11 de agosto, no marco das Festas da Peregrina, celebrouse a tradicional ofrenda institucional á patroa da provincia no Santuario da Virxe Peregrina.
O encargado de realizar a advocación foi o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, quen pediu paz, unión e protección para os pontevedreses diante da figura relixiosa.
"Pedímosche, Virxe Peregrina, que nos axudes a seguir loitando contra o sufrimento da xente e as inxustizas sociais. Na túa infinita compaixón e sabedoría, imploramos a túa intercesión para aliviar as penas dos máis vulnerables, ofrecéndolles esperanza e consolo nos momentos máis difíciles", manifestou o vicepresidente.
A continuación pedía á Virxe Peregrina que sea guía "nos nosos esforzos para erradicar as desigualdades e traballar pola dignidade e o benestar de todos os cidadáns. Que a túa luz ilumine o noso camiño, fortalecéndonos na nosa misión de
construír unha sociedade máis xusta e solidaria, onde cada persoa poida vivir con dignidade e en paz".
Tamén quixo agradecer o labor dos servizos sanitarios "cuxa entrega e dedicación son fontes inesgotables de esperanza e vida para todos", un xesto significativo dada a súa profesión como facultativo.
"Como médico, coñezo de primeira man os retos e sacrificios que implican coidar da saúde e do benestar dos nosos veciños. Na nosa vocación e servizo, vemos reflectidos os valores que celebramos hoxe na ofrenda á Virxe Peregrina: a compaixón, o sacrificio e a solidariedade. Grazas os meus compañeiros por ser un piar sobre o que se sustenta a nosa sociedade, e por cada sorriso, cada palabra de alento, e cada xesto de compaixón que brindades día tras día", expresou.
Durante a súa intervención, Domínguez lembrou as persoas que padecen enfermidades mentais, destacando a necesidade de apoiar e coidar a saúde mental da cidadanía.
Esta ofrenda tivo lugar durante a misa oficiada polo arcebispo de Santiago de Compostela, Francisco José Prieto, e contou coa presenza do presidente da Deputación, Luis López, quen fixera a ofrenda o ano pasado, así como doutros membros da corporación provincial.
Esta mesma tarde, a partir das 21.00 horas, Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, participará na comitiva da procesión polo centro da cidade e estará acompañado por Luis López, Rafa Domínguez, Luisa Sánchez, os tres máximos mandatarios da Deputación provincial.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.