O Pazo de Gago e Montenegro, novo 'espazo oculto' que abrirá a Semana do Patrimonio Invisible

Pontevedra
07 de xullo 2026

Ao pazo, que agora ocupa a Imprenta Péon, sumaranse o instituto Valle Inclán, a Facultade de Belas Artes, Churruchaos nº2, o convento de San Francisco e o Café Moderno

Igrexa de San Francisco

Pontevedra volverá abrir este verán as portas dalgúns dos seus espazos máis singulares coa sexta edición da Semana do Patrimonio Invisible, que se celebrará entre o 14 e o 17 de xullo.

Durante esas catro xornadas, o Concello ofrecerá 385 prazas, 19 máis que o ano pasado, en 24 visitas guiadas que descubrirán lugares onde é difícil entrar e onde se gardan numerosas curiosidades e segredos que permanecen escondidos durante todo o ano.

As reservas poderán realizarse a partir do xoves 9 de xullo ás 12:00 horas a través dun formulario que estará dispoñible no sitio web do evento www.patrimonioinvisible.gal.

Cada solicitante poderá reservar un máximo de tres visitas para dúas persoas.

Nesta sexta edición, a área de Dinamización Social e Cultural do Concello de Pontevedra aposta por volver abrir as portas de "espazos que xeran gran interese nos veciños", afirmou o responsable destas xornadas, Manuel Rial.

É por iso que, esta ocasión, incluirá seis espazos dos cales "tres e medio" son novos, segundo explicou a organización.

Neste sentido, as grandes novidades son o Pazo de Gago e Montenegro, localizado na Imprenta Péon, o Instituto Valle Inclán, a Facultade de Belas Artes e Churruchaos nº2, o edificio rehabilitado que alberga as oficinas técnicas municipais.

A eles súmanse o convento de San Francisco e o Café Moderno, que repiten un ano máis.

O convento de San Francisco foi o cenobio máis importante da vila, xunto co de San Domingos, e lugar preferente de enterramento das familias nobres pontevedresas durante a Idade Media e Moderna. A través da visita poder coñecer a súa igrexa gótica, o claustro e o sarcófago do escritor e navegante Paio Gómez Chariño.

No caso do Café Moderno, hoxe sede de Afundación, mostrará os seus espazos interiores e o xardín posterior para lembrar o seu papel como centro cultural da Pontevedra do século XX, frecuentado por figuras como Castelao, Alexandre Bóveda, Carlos Sobrino ou Laxeiro.

Outra parada será a Imprenta Peón, instalada na planta baixa do Pazo de Gago e Montenegro até decembro de 2024 tras máis dun século de actividade. Poderanse ver tipografías, maquinarias do século XVIII e outros segredos inesperados.

Entre as novidades, o IES Valle Inclán abrirá as súas portas tras a recente rehabilitación do edificio, un inmoble ecléctico deseñado a comezos do século XX por Joaquín Rojí e José Lorite, onde ensinaron algunhas das figuras máis relevantes da cultura galega.

No caso da Facultade de Belas Artes permitirá percorrer este antigo cuartel militar ocupado pola Real Casa da Maestranza do século XVII e reconvertido no ano 1994, e Churruchaos nº 2 ofrecerá un percorrido por un pazo urbano do século XVIII hoxe adaptado como oficina técnica municipal pola arquitecta Magdalena Portela. A luz, neste caso, adquire un especial protagonismo.