O municipio de Poio verá reforzado o seu parque residencial coa construción de 51 novas vivendas nas parroquias de San Salvador e Raxó.
Así o anunciou o Concello despois de que a Xunta de Goberno aprobase a concesión para a construción dos dous novos edificios.
Trátase de dúas promocións. A primeira delas estará situada na avenida Antelo Mariño, en San Salvador, e contará cun total de 36 vivendas, 39 rochos e 69 prazas de garaxe.
Este proxecto ocupará varias parcelas xunto ao parque de Rosalía de Castro e a Policía Local e inclúe unha cesión obrigatoria ao Concello de 378,99 m² para ampliar e mellorar o viario público.
O segundo edificio situarase na avenida Portaría, en Raxo, e albergará 15 vivendas coas súas correspondentes prazas de garaxe e rochos. Neste caso destaca a súa configuración, deseñada expresamente para salvar o gran desnivel que hai entre a avenida Portaría e o Camiño da Granxa.
Do mesmo xeito que a promoción de San Salvador, este proxecto tamén comprende a creación dun novo espazo público coa cesión de 417 metros cuadrados que darán lugar a unha praza pública na zona de acceso aos garaxes.
A concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón, visitou o emprazamento de ambos os municipios e explicou que "cada nova licenza é unha boa noticia porque significa máis vivenda dispoñible, máis actividade económica, máis emprego e máis oportunidades para que as familias poidan construír o seu proxecto de vida en Poio".

Doutra banda, a edil destaca que as reservas de espazos públicos incluídas en ambas as promocións repercute positivamente "na mellora dos espazos públicos, da mobilidade e da calidade urbana de cada parroquia".
O Concello apunta que o goberno local, en colaboración coa Xunta de Galicia, segue traballando na última fase da modificación puntual que dará acceso á maior bolsa de superficie para destinar á vivenda pública.
Rocío Cochón tamén destacou que "Poio está en constante crecemento" e quixo agradecer "a todas as persoas, empresas e promotores que están a confiar no potencial de Poio escollendo este municipio para os seus proxectos".
A edil enmarcou estas novas licenzas nun momento de especial dinamismo para a localidade poiense.