O goberno municipal de Poio iniciou estes días unha campaña informativa entre a hostalaría de distintos puntos turísticos do municipio, entre eles Combarro e Raxó.
Esta iniciativa busca lembrar aos establecementos que están obrigados a cumprir coa normativa vixente en canto á ocupación da vía pública.
Non poden superar nin o número de mesas nin o de cadeiras autorizadas.
Ademais, desde o Concello esixen que, ao final da xornada e despois do peche, se aseguren de que o chan queda completamente limpo, libre de residuos, aceites e outras substancias que poidan deteriorar a pedra das rúas ou xerar malos cheiros.
Nesta liña, as autoridades municipais lembran tamén que non poden deixar as bolsas de lixo na rúa.
Estas deben ser depositadas nos colectores correspondentes, asegurándose de que non están rasgadas nin verten líquidos, salsas ou outros restos na vía pública.
O Concello defende que estas son normas fundamentais para respectar a convivencia entre a actividade turística e hostaleira e os residentes destas zonas.
Sosteñen que a falta de limpeza ou o incumprimento das normas "vai contra a imaxe do noso concello pero tamén contra a calidade de vida dos nosos veciños".
"É máis importante que nunca demostrar que en Poio é posible ter unha actividade turística boa para todos e para iso todos tamén temos que pór da nosa parte", subliñan desde o executivo municipal.